O Sistema de Instalación de Debian
		  ==================================

			     Orientación

  Este ficheiro README é para familiarizalo co contido do sistema de
  instalación de Debian, e onde ir para obter máis información.

  Se quere voltar a este directorio debería ir a

    <debian>/dists/woody/main/disks-i386/current/

  onde a palabra `<debian>' pode indicar unha réplica da web de
  Debian, unha área de FTP, ou un CD-ROM oficial de Debian. Pódense
  atopar tódolos ficheiros necesarios para a instalación embaixo deste
  directorio.

  Hai información completa do sistema de instalación de Debian no
  subdirectorio `doc/'. A documentación está dispoñible en varios
  formatos e idiomas. Tamén ha querer consultar
  <URL:http://www.debian.org/releases/woody/> para buscar erros,
  alertas de seguridade, e información actualizada.

  Para os máis impacientes, embaixo proporciónanse unhas instruccións
  rápidas para a instalación. Nembargantes, anímase *encarecidamente*
  ao lector que lea a documentación completa que hai no subdirectorio
  `doc/', especialmente no caso de se atopar con dificultades.

                  Instruccións de Instalación Rápida
                  ==================================

  Aínda que o Sistema de Instalación de Debian tamén se chama
  `boot-floppies' (disquetes-de-inicio), este nome é algo así coma
  unha distorsión histórica. É posible, incluso preferible, instalar
  Debian sen empregar ningún disquete. Por exemplo, pode instalar
  Debian dende un CD-ROM con inicio oficial de Debian, dende a rede,
  ou dende outro sistema operativo.


  Instalación de CDROM
  --------------------

  O método de instalación recomendado é o CD-ROM oficial de
  Debian. Pódense procurar onde se venden as boas distribucións de
  GNU/Linux, ou en liña <URL:http://www.debian.org/distrib/vendors>.

  Os que teñan unha tostadora de CDs e un carácter aventureiro poden
  probar a crea-la súa propia imaxe de CD-ROM
  <URL:http://cdimage.debian.org/>.

  A instalación dende un CD-ROM adoita ser moi doada e só precisa que
  escriba un só comando despois de arrincar e inseri-lo CD. Se o seu
  ordenador ten SRM (é dicir, non hai un sistema de menús ao arrincar)
  só ten que escribir `boot xxx -fl 0`, onde xxx é a unidade de CD-ROM
  en notación SRM. Execute `show dev` para averigua-lo nome na
  máquina. Para obter unha descrición completa busque no manual de
  instalación.

  Se a súa máquina ten ARC ou AlphaBIOS, mire embaixo na sección de
  MILO para obter máis detalles.


  Instalación dende Disquetes
  ---------------------------

  Se non ten un CD-ROM ou ten un ordenador que non pode arrincar dende
  un CD-ROM ha ter que emprega-las imaxes de disquetes que hai embaixo
  deste directorio. As imaxes de disquetes teñen nomes
  `*.bin'. Normalmente ha precisa-las imaxes `rescue.bin' e
  `root.bin', e ás veces tamén as imaxes `driver-*.bin'.

  Teña en conta que hai varios conxuntos de imaxes Rescue, root e
  driver, dependendo da arquitectura que emprega. Ha ter que escoller
  con que conxunto quere instalar. Mire embaixo para obter unha
  descrición detallada dos subdirectorios que conteñen esas imaxes de
  disquete.

  Os ficheiros `driver-*.bin' conteñen controladores de hardware que
  non hai no núcleo da imaxe `rescue.bin'. Non sempre é preciso
  crea-los discos dende os que instalar eses controladores, por
  exemplo, cando a instalación pode obte-los controladores dende
  outros soportes distintos dos disquetes. Basicamente é unha cuestión
  do soporte de hardware que contén o propio núcleo.

  Se non crea os disquetes `driver-*.bin', ha precisar, máis tarde,
  durante a instalación, ha precisar un ficheiro `rescue.bin' e outro
  `drivers.tgz' que estean dispoñibles dende outro soporte distinto
  dos disquetes. Háselle pedi-lo sistema operativo e os módulos, e non
  lle pode dicir ao sistema que empregue disquetes, obviamente, porque
  non creou os disquetes dos controladores. Indique ao instalador que
  obteña eses datos no CD-ROM, disco duro local, ou de onde se
  descargaron os ficheiros de instalación.

  *Non pode* crear disquetes de ficheiros *.bin copiando simplemente
  os ficheiros *.bin nos disquetes. Ten que facer unha copia de
  sectores de baixo nivel dos datos nos disquetes. O método que ten
  que empregar para crear disquetes dende os ficheiros *.bin varía
  segundo o sistema operativo ao que teña acceso. Hai embaixo
  descricións de como se crean os disquetes dende os ficheiros *.bin
  en Unix e en DOS.

  Recoméndase que empregue sempre disquetes novos do trinque porque os
  xa usados poden conter erros e provocar fallos no inicio.

 - Creación dos Disquetes dende Imaxes de Disco en Unix

   Empregue o comando GNU `dd' para crear un disquete dende un ficheiro .bin:

       dd of=/dev/fd0 if=<ficheiro> bs=1024

   O dispositivo de disquete pode ser distinto de `/dev/fd0'.

   Se é de natureza desconfiada, pódese asegurar de que se gravou a
   imaxe con éxito:

       cmp /dev/fd0 <ficheiro>

 - Creación dos Disquetes dende Imaxes de Disco en DOS

   Cambie ao directorio (`cd') que contén os ficheiros *.bin que
   quere. Empregue a utilidade de DOS `rawrite2.exe' do subdirectorio
   `dosutils' para crea-la imaxe, por exemplo:

              ..\dosutils\rawrite2 -f rescue.bin -d a

   Onde `a' se refire á primeira unidade de disco do ordenador, e
   `rescue.bin' representa o ficheiro *.bin dende o que quere crear un
   disquete.

  Instalación Dende DOS
  ---------------------

  Se non ten un CD-ROM oficial, e está executando DOS ou Windows, hai
  unha alternativa á creación de disquetes. Pode executa-lo ficheiro
  por lotes de DOS `install.bat' dende un dos subdirectorios de nivel
  superior.

  Mire embaixo para unha descrición detallada dos subdirectorios que
  conteñen `install.bat'.


ifelse (i386, mips, dnl


  Instalación Dende A Rede
  ------------------------

  Outra opción para MIPS é instalar dende a rede. Para facelo ten que
  arrinca-lo ficheiro 'linux.bin'. As máis das máquinas MIPS han empregar
  bootp para arrincar dende a rede.
)



               Organización Dos Ficheiros de Instalación
               =========================================

  Abaixo descríbese a organización xeral dos ficheiros deste
  directorio. Se copia un subconxunto destes ficheiros a un disco
  local ou o que teña, debería conserva-la estructura de directorios
  interna, xa que o sistema de instalación buscará os ficheiros nesas
  localizacións.

  doc/

      O Manual de Instalación de Debian GNU/Linux, a Guía do
      Principiante de `dselect', e as Notas da Versión pódense atopar
      aquí en varios formatos lexibles e imprimibles por ordenador.
      Por favor, Lea O Estupendo Manual (RTFM) antes de comezar.

  <sabor>/

      Existen varios `sabores' dos discos de instalación. Nalgúns
      casos, as imaxes conteñen un núcleo de Linux compilado con
      algunhas opcións que o fan funcionar mellor con algún
      hardware. Mire embaixo para obter información sobre por que
      tería que escoller un sabor.

      Tamén, nese directorio, hai ficheiros dun sabor particular que
      non son imaxes de disco, pero poden ser de axuda para
      instalacións por rede ou instalacións dende outro sistema
      operativo.

      Durante unha instalación por rede, NFS ou CD-ROM, o software de
      instalación sabe como atopa-los ficheiros, cando se indica o
      directorio <debian>. Se pensa en copiar estes ficheiros a un
      lugar do disco duro antes de emprega-la opción "dende unha
      partición montada" do instalador, non ten que duplica-la
      estructura de directorios do arquivo <debian>, pero ten que
      asegurarse de que ten un conxunto de imaxes que concordan, todas
      do mesmo <sabor>, ou as cousas non han funcionar ben.

      Os sabores que hai dispoñibles nesta arquitectura son `compact',
      'idepci' e `ide'.

      compact .... Un núcleo de Linux sen algúns controladores de
                   dispositivos non críticos, e algúns dos
                   controladores PCI máis comúns compilados no propio
                   núcleo. Vexa images-1.44/compact/README.txt

      idepci ..... Semellante a compact, pero con máis controladores
                   PCI compilados no núcleo, e sen soporte de
                   SCSI. Vexa images-1.44/idepci/README.txt

      ide    ..... Núcleo especializado para os que precisan do parche
                   IDE UDMA66. Pode facer falla se ten unha
                   controladora IDE Promise Ultra66, entre
                   outras. Vexa images-1.44/ide/README.txt

  images-<tam>/<sabor>/

      Imaxes de disco de tamaño <tam>. Escolla o tamaño que caberá no
      soporte dende o que pretende arrinca-lo software de instalación,
      e siga as instruccións de embaixo en "Como Escribi-los Ficheiros
      Imaxe aos Discos".


  ** Ficheiros Específicos de Interese

  Empregando as descricións de embaixo, ten que selecciona-lo
  directorio que contén o conxunto de ficheiros que interesan na
  instalación que está a facer. Ha precisa-las seguintes imaxes
  `.bin', se non se indica o contrario.

  .../rescue.bin

      Imaxe de disco de rescate, contén o núcleo e un cargador.

  .../root.bin

      Imaxe de disco raiz, contén o sistema de ficheiros raiz. Non é
      necesario se non instala dende disquetes.

  .../driver-#.bin

      Imaxes de discos de controladores, que conteñen os módulos do
      núcleo que pode cargar polo hardware para o que non hai un
      controlador incorporado no núcleo. Por exemplo, pode usalo para
      instalar un controlador para o adaptador de rede; cando teña
      instalado o controlador, pode instala-lo resto do sistema pola
      rede. Hai outros módulos, coma PPP, soporte de liña paralela,
      etc. Non fai falla se non instala desde disquetes.

  .../drivers.tgz

      Un arquivo tar que contén os mesmos módulos que as imaxes de
      disco de enriba. Empréganse cando se instalan o núcleo e os
      controladores dende un disco local ou CD no canto de dende
      discos. Empregue o ficheiro do subdirectorio máis apropiado
      baseado no sabor que está empregando.


  .../install.bat

      Script por lotes de DOS para arrincar no sistema de instalación
      dende DOS. Hai unha versión diferente deste ficheiro para cada
      sabor.

  .../linux.bin

      Unha imaxe do núcleo de Linux, empregada polo script de enriba.

  md5sum.txt

      Un ficheiro que contén sumas MD5 dos ficheiros de instalación.
      Pódese empregar para comprobar que non se corromperon os
      ficheiros descargados.